- SIGNIFICADO PERSOAL E SUBXECTIVO DO
"ELECTRIC EYES"
"Electric eyes" está dedidado a toda a xente que sofre, sufrimos de xaqueca. Non dor de cabeza, senón xaqueca, migraña que che impide facer vida normal.
O disco non dá consellos, nin reflexiona sobre os cómos e porqués da migraña. Non pensedes atopar aquí un consultorio persoal sobre qué fago, qué deberiamos facer para sufrir menos xaquecas e de menor intensidade.
Cada xaqueca é un mundo. Eu sei que as miñas son tensionais, toda as costas e pescozo se agarrotan, chega ata as sienes e de aí vai directa aos ollos como coitelos, cristais que os atravesan. Fotofobia e necesidade imperiosa de meterse nun burato escuro e tranquilo a pasar a crise. Que facer? Vivir relaxado, non ser eu... A medicación preventiva variada nunca me funcionou e agora nas crises fortes estou tomando un "Maxalt max", un liofilizado oral que para min sabe a lóstregos porque o tes que deixar desfacer na lingua e non me mola nada. Efectividade? Depende. Como nas xaquecas, todo depende... E despois de anos de investigación atopámonos fronte a outra enfermidade na que a medicina non nos dá nin garantías, nin explicacións globais, nin métodos eficaces para enfrontarnos a ela. (Sempre lembro, que nas escolas helénicas, en concreto xa en Alexandría, a medicina cerebral, a investigación sobre o cerebro estaba no seu esplendor. Herófilo e a súa "prensa" que anos despois sería vital para entender se as xaquecas da nosa filla (pequerrecha ela, pobriña) se debían a unha malformación cerebral ou non na prensa de Herófilo. Foi non. Pero ao que ía é que dende o século IV despois de cristo ata avanzado o século XIX, o cristianismo e outras relixións farían absurdo estudar o cerebro, o que hai que estudar é a alma. Imaxinádesvos cantos avances teriamos agora en temas como a demencia senil, o Alzheimer, o parkinson, etc, etc, con 16 séculos máis de investigación a fondo!!!!! Non me quero quentar.)
O que fixen foi intentar diseccionar unha xaqueca tipo, non sempre é así, pero a estrutura que formulo repítese normalmente na xente sufridora.
Así que dividín os "Ollos eléctricos", creo que o título reflicte claramente o problema da dor de ollos brutal e saiu en inglés porque así o quixo o destino, e contra o destino musical non hai moito que facer.
De forma que o disco está dividido en 3 grandes bloques, correspondentes a 3 fases da xaqueca dende o seu inicio ata o seu final:
SEMPRE ESTÁ - A sensación que tes, moito máis, en temporada de migrañas repetidas. Nunca se vai de todo. Aí a vén, aí está de fondo e sei ata onde vai chegar. Éche así. Agora só noto unha dor difusa nos ollos, pero aí a vén, maldita.
Así que, con rabia e certa desesperación aceptas o caos neurolóxico: "Fase 1: A xaqueca como forma de ver e vivir a vida". A xaqueca ás veces epicentro da túa vida e o resto, a vida digna e linda orbita arredor desta nube de dor. Pregúntaste: "Vas marchar", pero non, os síntomas eran claros e con rabia acumulada e dor pasas á "Fase 2: Non, ela volve, segue, implacable. Doe moito!". Aí xa estás caendo atrapado nas garras da migraña, aínda non sabes se terás que ir a cama ou non, pero se a segunda fase é forte, xa a temos liado.
Así que despois do repetido comezo da migraña e o seu empoderamento, iso son 1.- Electric Eyes (tema)e 2.- Electric eyes (reprise), chega a CRISE.
Ben, esta é a parte máis dura, cando te tes que enclaustrar e vivir-morrer só para que pase a dor.
Por iso, para min, a parte máis dura, máis difícil de escoitar do dico son as "Fase 3.- "Estoupido. Limiar da loucura" e "Fase 4: "Desesperación interminable. Coitelos de cristal punzante nos ollos".
De xeito que sei que para moit@s de vós, os temas 3: "O avance dos orfos tristes e raros" e 4: "O epiléptico retorno da orfandade humana", serán insoportables como unha xaqueca. Aínda que vos teño que dicir, que moitas veces, poñía este disco en plena migraña e como os temas son tan repetitivos, (a esencia de RTTM, música que levo facendo anos e anos e que se resume en que é música repetitiva, na que tes que deixarte megullar, entrar en trance para que a repetición se convirta en trip, en viaxe compartida coa música.), pois ás veces ata me durmía e me baixaba a dor. Non recomendo a ninguén que o prove con xaqueca, non vaia ser. Pero nun día tranquilo, axúdate a durmir e senón durmes, ou paras o disco, ou méteste con ollos eléctricos ou non na música de fondo dunha viaxe que doe.
E, despois do segundo momento da estrutura, A CRISE, á fin, chega, vai chegando a modiño a Paz.
Nesa paz ata se che escapan bágoas de alivio de dor, case de felicidade por volver á vida digna: "Fase 5: "Bágoa de ledicia sutil e vida digna" e "Fase 6: Non hai dor. Paz. (...) Choro só un pouquiño".
E, deste xeito, os temas máis "lindos" harmónica e melodicamente no disco desde uns supostos, digamos , clásicos, son 5: "Suave bágoa" (Coda), na que realmente canto e xa en galego porque é vital para que nos entendamos nuin mesmo pequeno universo. E canto deixando a alma: "Vivir sen dor, vivir sen dor, que más podes pedir!, que máis podes soñar!, que máis podes dicir"!) e o 6: Alivio recorrrente. Sísifo (Coda reprise)", no que gozo meténdome nun mar da tranquilidade de baleas e guitarras que cantan e chora. Un estenso solo, que ao mellor a alguén non se lle fai longo. Eu aínda lle metería máis, hahaha!"
Resumindo. Ides atopar un disco cunha parte cañeira pero aínda sen tolear en SEMPRE ESTÁ, con "Electric Eyes" e "Electric Eyes (reprise)"; despois, unha tolería difícil de tolerar por oídos "normais" na CRISE, con "O avance dos orfos tristes e raros" e "O epiléptico retorno da orfandade humana", e un sosego musical (mental) na PAZ, cos temas "Suave bágoa (Coda)" e "Alivio recorrente. Sísifo (Coda reprise).
A ver qué vos parece. Creo que o que está bastante claro, é que é un oasis no deserto xeral da música conceptual, non só en Galicia, Estado, senón no mundo global. Os riscos que corro musicalmente son altísimos. Non hai compaixón cun mesmo ou co suposto oínte. Se unha parte debe ser preciosa, calma, iso tento. Se unha parte, aínda que longa, ten que ser un repetitivo malestar musical, aí vou.
Agardo que isto sexa só un comezo e unha chegada a non sei ben onde.
Algún día.
Manuel Seixas - Xuño do 2023